Amosando publicacións coa etiqueta presentación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta presentación. Amosar todas as publicacións

3 de xuño de 2016

(III e última) Crónica: De gatos, poesía e mulleres marabillosas

Chegamos. Como en todo este periplo estamos tendo relativa sorte co aparcamento e o tempo. Madrid, como Barcelona, recíbenos con sol pero sen unha calor excesiva. De novo un parque, outra vez nenos soltos movéndose sen parar, comendo area. E as miñas amigas chegan e explícolles o proxecto, móstrolles os libros e gústanlles. Varias nenas elixen o seu exemplar e sinto que o círculo, dalgunha maneira, se pecha. Que escribo para elas, para as súas maternidades diferentes, únicas, súas. E teño publicado convencionalmente pero facer o libro enteiro coas miñas propias mans é como maxia e, tamén dalgunha maneira, chega ás lectoras, cada unha identificada cunha portada que escollen, porque unha quere bruxas e outra flores e todo está alí pintado por e para elas. E encantoume autoeditar na casa, a man, tolas, e quero seguir facéndoo aínda que custe traballo imprimir e leve moitas horas pintar e non sexa eu precisamente Picasso. Grazas por vir Silvia, un pracer inmenso coñecerte. Grazas cueva, Cheli, Bibiana, Pilar, Anaís, Patricia, Inés... e familias. Grazas Chus (e a túa ludoteca!), Vanesa, grazas a todas por vir. De novo o tempo voou e era hora de regresar por fin a casa. De novo ceamos no coche. De novo durmo, o fútbol na radio, a noite caíndo, facemos quilómetros para os 2000. Só en tres días. Volvemos xa sen calor nin aire que importe. Sen ruído de estrada atronando ventás. Volvemos sen gato, con esperanza, a súa nova vida acabada de abrirse con 11 anos felinos. O contrato de adopción firmado. Volvemos con libros feitos e sen libros que quedaron xa con outras vidas. Volvemos con fame da nosa cama, a nosa casa, a nosa vida sen edificios nin asfalto nin coches. Fame de verde, árbore, terra, cans, gatos, canto dos paxaros, traxectos de lesmas, ensalada da horta, silencio na noite só cortado pola luz do patio do veciño. Volvemos de nenos durmidos, unha e media da madrugada. Volvo cargada de fe. Volvo para seguir crendo na loucura.

1 de xuño de 2016

(II) Crónica: De gatos, poesía e mulleres marabillosas

As seis da mañá cando número dous esperta. Está descolocado. Quedara durmido no coche, non sabe onde está. Esperto eu cun vulto no pescozo, baixo a orella esquerda. Un ganglio. Doe e esténdese orella arriba mandíbula abaixo. Carraspeira. Dóeme a gorxa, xusto hoxe que teño que presentar o libro. O libro, ese que temos a medio terminar, que nos faltan copias e montaxe e só unha mañá por diante. Por sorte a acupuntura funciona, os nenos xogan ben entretidos e nós poñémonos en marcha. Decidimos, por rapidez e comodidade, fotocopialo. Uns 700 folios para dobrar un a un, que xa chegan pasando o mediodía. Alí tod@s dobramos e dános a hora de comer e aínda falta e menos mal que Anna ten unha grampadora eléctrica e, in extremis, grampan copias e portadas mentres eu escribo a man os títulos, o nome da pintura, o número de exemplar. Non nos dá tempo de acabar pero saímos cos libros que temos. Quedaramos nun parque, onde é máis fácil que estean os nenos entretidos. Levamos unha mesiña para poñer mel e pan galego, degustación de Mel e Punto. E alí nos plantamos, á sombra. Anna fixera un cartel e pegárao polo barrio. E alí, en Barcelona, coñecín por fin a dúas mulleres das grandes, desas ás que hai que seguir de preto, para aprender e admirar. Coñecín en carne a Anahi e a Imma, matrona, que viña directa de atender un parto que se iniciara xusto esa mañá. Nin parara a comer. Grazas a ambas por vir e por ese anaco de charla sobre libros e maternidades. Quédanme tan curtas as palabras que aínda hoxe me parece soño. 
O tempo voou e xa é hora de marchar, tócanos viaxar a Zaragoza. Antes terminamos de grampar os poemarios, recollemos, despedímonos e ó saír de Barcelona pasamos pola Sagrada Familia. Que non se diga, fago foto en marcha. Das cidades só me gusta a pedra. Edificios, asfalto e coches. Todas son iguais para min.
Chegamos a Zaragoza de novo cos nenos durmidos. De novo amañámonos cun sofá cama ó lado dun colchón. Comezo a descolocarme, tantos quilómetros, tan poucas horas e tantos cambios. É unha parada breve, durmir, almorzar, marchar, e outra vez outra quedada noutro parque. Xusto a chuvia comeza a caer con forza cando temos que despedirnos. Saímos ó mediodía, comemos no coche co tempo xusto para chegar a Madrid, onde tamén temos presentación do poemario e degustación de mel Mel e Punto. Durmo no coche incontrolablemente.(continuará)
Aquí en castellano: http://maternario.blogspot.com.es/2016/06/ii-cronica-de-gatos-poesia-y-mujeres.html

31 de maio de 2016

Crónica: De gatos, poesía e mulleres marabillosas

O pasado venres 20 de maio saímos de viaxe. Dispuxémonos a percorrer os 1000 quilómetros que nos separan de Barcelona. O obxectivo: levar un gato ó seu novo fogar, pero non un gato calquera, senón a Boletus, unha institución, o veterano, case 11 anos desde que chegou con apenas un par de meses e máis fame que corpo. Aproveitando a nosa breve estancia na cidade, á miña querida "axente literaria" Anna ocorréuselle organizar unha presentación do poemario que acababamos de terminar Isabel Piñana e máis eu. As dúas escribimos sobre as nosas maternidades desde o corpo, as dúas conciliamos como podemos letras e nenos e non nos resignamos a ser ou isto ou aquilo. Porque hai máis maternidades que as que nos venderon. Levamos meses cos poemas listos buscando como dalos a coñecer. No meu caso, en Galicia, fálanme dunha demora de dous-tres anos desde que aceptan o teu orixinal ata que o publican. Dentro de tanto tempo non habitarei nestes poemas, estarei xa moi lonxe. A autoedición foise impoñendo pero a inversión era demasiado elevada. Moito risco. Así que puxemos as nosas mans á obra. Literalmente. Reunimos os nosos poemas, traducín ó castelán os meus, ó galego os de Isabel, contactamos cunha maquetadora profesional (grazas infinitas, Sara), que se encargou de preparalos para a impresión, que fixemos na casa, non sen dificultades. Pintamos as portadas. O meu fillo máis vello pintou portadas. E dobramos máis de 700 folios para montar os libros. Dobrou o pai das criaturas, dobrou a axente Anna, dobrou a súa nai e grampamos grazas á súa grampadora eléctrica que parecía que nos estaba esperando para estrearse.
Partimos esa mañá de calor e venres, digo, cos sete quilos do gato Boletus, os nenos, as mochilas, a comida, o contrato de adopción, as portadas pintadas dos poemarios e só catro copias impresas. Ía moita calor, daba pleno sol e nós co aire acondicionado estragado. Era imposible viaxar coas ventás pechadas. Era infernal o zunido do movemento na estrada. Eliximos o ruído. Acabamos abrindo o transportín ó gato, elevándoo entre os nosos asentos dianteiros para que lle chegase algo máis de aire. O pobre mesmo abafaba. Tardamos case dez horas, con breves paradas para repostar e pouco máis. Fomos directos a deixar a Boletus na súa nova casa, a coñecer ó seu adoptante e á súa nova compañeira felina. Non foi mal a presentación, o normal encontro entre dous gatos descoñecidos e, polo menos, a Boletus gustoulle o seu adoptante. Pasaban das once da noite cando saímos da súa casa cara á da miña "axente", onde durmiriamos. Tiven tempo de ler a medias a súa dirección no meu móbil. Rúa e número conseguín memorizar antes de que se me apagase. Cárgoo no coche, acende e pídeme o PIN. O PIN! Non sei o maldito PIN! Téñoo anotado na casa. Non recordo nin un número polo que intentalo. Ocórreseme entrar no face desde o móbil do tripai, pero esgotáransenos os datos e aquilo non cargaba de ningunha das maneiras. Estamos na rúa de Anna. Estamos cansados, suorentos, doridos de tanto coche. Os nenos protestan, teñen moito sono. Envíolle mensaxes telepáticos a Anna, "chama ó tripai, por favor, chama ó tripai". Pero a conexión non funciona e como nada acontece se non o buscamos, saio á rúa e comezo a andar arriba e abaixo. Había unhas semanas Anna enviárame unha foto das vistas desde a súa ventá. Esperaba recoñecer algún edificio. Nada por abaixo, volvo subir pola outra beirarrúa, buscando referencias, refrescando memoria, acordándome da foto enviada por unha parvada. Como se convertera en importante. E, xa abeirando a desesperación, véxoo, un edificio branco que me quere soar. Rápido vou ó portal en fronte. Busco un segundo pero este é segundo-primeira. O mesmo pasa no portal do lado. O terceiro si é só segundo e sen pensalo máis timbro. Si? E toda a miña esperanza nunhas cantas letras. Anna? E Anna ábreme e suspiro e escachámonos de risa. Por fin, pasadas as doce, cun neno e medio durmidos, entramos no noso aloxamento nocturno. Por fin, teño a Anna diante e non hai diferenza entre virtual e realidade porque é como se nos coñecesemos de toda a vida. Como se vivisemos porta con porta... (continuará)
Aquí en castellano: http://maternario.blogspot.com.es/2016/05/cronica-de-gatos-poesia-y-mujeres.html