Amosando publicacións coa etiqueta Ramón Nicolás. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ramón Nicolás. Amosar todas as publicacións

10 de agosto de 2018

Lapis na noite

Inxustiza e dignidade

Eu, que uso a escrita como autoterapia, ía lendo, confundida, polas páxinas adiante do Lapis na noite. Parecíame estar ante un documental histórico e non podía esquecer unha outra longa noite de pedra. Literatura social. Non me custaba nada ʺverʺ, con total nitidez, os acontecementos que se me ían debullando, tal perfectos chícharos a saír da vaíña. E iso, coido, é mérito dunha prosa que amosa a Filoloxía que corre polas veas do autor. O amor pola lingua, pola cultura, pola historia e pola xustiza. Porque o verbo é reparar. E neste punto a literatura convértese na arma cargada de futuro dun pasado que debe ser presente. Porque non somos conscientes de que os anos pasan e eses mozos e mozas que hoxe enchen as aulas de calquera instituto non saben quen é Videla nin Quilapayún nin Viglietti nin as Madres de Plaza de Mayo. Non saben que hoxe, aquí, as cunetas tamén falan. O traballo de documentación desta novela é minucioso, unha característica do autor que xa se nos revelara na súa estrea co espello do mundo. Pero non é nada disto, ou precisamente todo isto, o que me fixo somerxerme na historia. Hai un punto máxico en que as fronteiras desaparecen, as xeográficas e as humanas, cruzamos a barreira do texto, da páxina, do espazo e do tempo é só se trata de persoas, de nós, dos nosos fillos e fillas, arrepiadas fronte á inxustiza. Que nunca é pasado.


5 de decembro de 2016

Din do noso poemario





Hoxe na Voz, agradecida a Ramón Nicolás polas súas palabras sobre Nin pombas nin flores. Recordade que podedes conseguir o libro escribindo ó mail arainhadasformigas@gmail.com. E, se xa o tes, mándanos a túa lectura. Grazas!

Dicen de nuestro poemario...
Hoy en La Voz, agradecida a Ramón Nicolás por sus palabras sobre Nin pombas nin flores. Recordad que podéis conseguir el libro escribiendo al mail arainhadasformigas@gmail.com. Y, si ya lo tienes, mándanos tu lectura. ¡Gracias!

22 de xuño de 2016

O espello do mundo de Ramón Nicolás



Tremo. Cada vez que debo ler aquilo que escribe algún amig@, familiar ou só coñecido. E é que son eu "complicada", por non dicir "rara", con isto da literatura. Anos levo lendo practicamente só mulleres, practicamente só poesía e, con preferencia, contemporánea. Así pois, a novela dun home, de teor histórico e centrada no mil e pico, en principio, non entraría nas miñas preferencias. Pero, como non lela?
            E, así, achégome ó espello do mundo a uns poucos quilómetros do lugar onde a historia acontece. Rodeada de pedras que tragaron historias. Rodeada do silencio, moitas veces imposto, que agochan as construcións humanas cando os séculos avanzan cara ós devanceiros e devanceiras do futuro. A Ona Guiomar Méndez fáiseme carne e podo ver o remexer da touquinegra por riba das silvas e sabugueiros que larpan as pedras. Podo sentila abrindo a fenda do tempo ata pousar firmemente os pés na terra súa e agora miña. Damos a man a través do espello. O tempo esvaece. Rompen o silencio as voces esquecidas. E xusto mentres leo chega á aldea unha parella na procura das súas raíces. O avó, emigrante, exiliado, que deixara a casa no ano 1914. Hoxe só queda o lugar, a pegada do tempo a converterse en xabre. A memoria é unha necesidade.
            A novela fáiseme curta. Quero máis. Quero seguir escoitando a Martiño a arrincar o po da historia, a tomar con forza as rendas da súa propia vida. Quero saber de Guiomar, Constanza, Hildegarda, Eleonora. Quero que a avoa e Ermidas conten por que marcharon. Quero inserir a Icía como elo na cadea formidable de mulleres que foron e serán.
            Marabíllame a fluidez da linguaxe, a rapidez coa que se transita por unha historia de recendo antigo, de lingua exquisita que atrapa e nin o emprego, por veces, do latín, consegue entorpecer a lectura, dificultar a mensaxe. A mestría de xogar co presente e o ausente para ensarillarnos nunha historia que nos resistimos a abandonar cando concluímos as súas 191 páxinas.
            Finalizo felicitando ó autor pola súa estrea ó outro lado do quefacer literario e agradecéndolle a enorme tarefa que supón deitar luz sobre a escondida bibliografía dunha época, dunhas mulleres, dunhas vidas que fan parte da nosa. Grazas por levantar a memoria das pedras.