As autoras


María Besteiros naceu en Vigo xusto á vez que finaba Celso Emilio. É de ciencias e de letras. Poeta premiada e presidenta da protectora de animais Patas Arriba. Doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e auxiliar de veterinaria. Vendedora de Mel e Punto e lactivista de tres cachorros. Correctora, revisora, tradutora, crítica literaria feminista, profesora, investigadora, escritora. Escritora sobre todo. Escritora de animais recollidos como lixo. De corpo materno desfeito en cicatrices e enchido en leite. De prosa e de poesía como unha mesma linguaxe de mans que se introducen no útero das vacas.
Tradutora para o Proxecto Delama da asociación de usuarias El Parto es Nuestro, correctora estilística e lingüística de textos veterinarios e, recentemente, revisora dos artigos en galego do libro Lupe Gómez, libre e estranxeira: estudos e traducións (2013).
Investigadora especializada en poesía feminina galega das últimas décadas, con estudos como "Aproximación á representación do xénero na poesía galega de muller: Emma Pedreira, Yolanda Castaño e Lupe Gómez" (2005 e republicado no 2013), "A representación do xénero na poesía galega de muller (1995-2005): Do cuestionamento á performance" (2005) ou a tese de doutoramento "De Darío a Sofía (1996-2014). A representación da maternidade nas autoras galegas actuais" (2015).
Poeta incluída por Meri Torras no volume El poder del cuerpo (2009), galardoada co Premio Eusebio Lorenzo Baleirón por zoonose (2004) e co de poesía antitaurina Toro de Hierro (2009) polo poema "Para cuándo la vida".
Actualmente escribe en A Raíña das Formigas e en Maternario.

Ningún comentario:

Publicar un comentario