10 de agosto de 2018

Lapis na noite

Inxustiza e dignidade

Eu, que uso a escrita como autoterapia, ía lendo, confundida, polas páxinas adiante do Lapis na noite. Parecíame estar ante un documental histórico e non podía esquecer unha outra longa noite de pedra. Literatura social. Non me custaba nada ʺverʺ, con total nitidez, os acontecementos que se me ían debullando, tal perfectos chícharos a saír da vaíña. E iso, coido, é mérito dunha prosa que amosa a Filoloxía que corre polas veas do autor. O amor pola lingua, pola cultura, pola historia e pola xustiza. Porque o verbo é reparar. E neste punto a literatura convértese na arma cargada de futuro dun pasado que debe ser presente. Porque non somos conscientes de que os anos pasan e eses mozos e mozas que hoxe enchen as aulas de calquera instituto non saben quen é Videla nin Quilapayún nin Viglietti nin as Madres de Plaza de Mayo. Non saben que hoxe, aquí, as cunetas tamén falan. O traballo de documentación desta novela é minucioso, unha característica do autor que xa se nos revelara na súa estrea co espello do mundo. Pero non é nada disto, ou precisamente todo isto, o que me fixo somerxerme na historia. Hai un punto máxico en que as fronteiras desaparecen, as xeográficas e as humanas, cruzamos a barreira do texto, da páxina, do espazo e do tempo é só se trata de persoas, de nós, dos nosos fillos e fillas, arrepiadas fronte á inxustiza. Que nunca é pasado.


2 comentarios: